Galicia sen pulo

O xeito de gobernar o país de Núñez Feijóo ten tres características fundamentais: I) a total subordinación a respecto do Goberno Rajoy e das elites mediáticas e financeiras do capitalismo de amiguiños do BOE, II) a ineficacia burocrática na xestión e III) a falla dun modelo de País e de ideas cara ao seu futuro.
A subordinación dependentista é evidente. Coa única maioría absoluta do PP no Estado, Núñez Feijóo renunciou á transferencia do noso primeiro eixo vertebrador, a AP-9 e mesmo non foi quen de evitar a suba das peaxes. Renunciou á conexión dos nosos portos co corredor atlántico de mercadorías, a esixir a transferencia dos portos e aeroportos todos e a obter compensación tarifaria polo 40 por cento de electricidade que exportamos sen nos beneficiar. Nas recentes reformas das normativas sanitaria e de promoción empresarial e na súa praxe de contratación pública sempre favorece as macrocorporacións construtoras e concesionais con sede en Madrid, en claro prexuízo das empresas galegas. A irrelevancia da Xunta en Madrid reflíctese na desinformación na que o Goberno central a tiña a respecto da supresión do laboratorio de moluscos da UE en maio último.
A ineficacia xestora e máis a falla de modelo de País e de ideas para o futuro é evidente na falla de políticas exteriores e de promoción económica: Galicia, con toda a súa potencialidade portuaria, enerxética, forestal ou alimentaria non existe no mundo como ecosistema favorábel para os investimentos. O Igape non cumpre a súa función de acompañamento financeiro ás medianas empresas e o Goberno galego non ten opinión nin accións a respecto do crecente oligopolio bancario. A vaga de lumes de outubro e máis a seca que sofrimos atoparon á nosa Administración paralisada e sen plans alternativos.
Nesta altura é evidente que o País precisa dun Goberno merecente dese nome. E comeza ser grave responsabilidade das forzas de oposición (nomeadamente En Marea e BNG que partillan espazo político) arrumbar o xogo miope de ser cabeza de rato para ofrecerlle á sociedade as solucións de entendemento plural e de apertura ás maiorías que precisamos para recuperarmos o pulo.

A tarifa da aldraxe

Os consumidores e empresas galegas sofren a aldraxe dunha tarifa eléctrica única española que castiga a produción e o consumo industrial e prima o transporte para o consumo doméstico dos territorios non produtores, como Madrid. É dicir, que Galicia sofre o custo social, paisaxístico, ambiental e mesmo económico (asulagamento por encoros de terras moi produtivas agrariamente), exporta case o 40% da electricidade que produce e ten que pagala ao mesmo custo ca Madrid. Desculpen, non é verdade. Ten que pagala máis cara ca Madrid porque ao prezo único estatal se lle engaden os tributos autonómicos que gravan a produción.
O sistema eléctrico español vulnera varias Directivas europeas ao primar o transporte da enerxía no canto de promover o consumo a carón da produción, reducindo os custos do transporte eléctrico (30% do total da factura). Ademais, establece, contra o principio de libre concorrencia que alicerza o Dereito europeo, o monopolio do transporte de alta tensión a prol de “Red Eléctrica de España (REE)”, que gaña 300 M€/ano por mor duns prezos abusivos que aproba o propio Goberno do Estado. Un sistema ineficiente que explica que o Estado español sexa o terceiro da UE coa electricidade máis cara.
Mais á ineficiencia hai que lle engadir a arbitrariedade. Porque constitúe unha aldraxe que nós, produtores, teñamos que pagar a electricidade máis cara ca os madrileños que non producen electricidade. Porque constitúe unha gravísima pexa para a nosa competitividade que non poidamos tirar beneficio da exportación dese 40% de electricidade que producimos de máis, atraendo investimentos industriais cos custos enerxéticos máis baixos que haberíamos estar en condicións de ofertar. Porque nun país produtor de enerxía é unha gravísima inxustiza que 500.000 persoas galegas (máis do 18% da poboación) sofran pobreza enerxética.
A CIG soubo promover unha iniciativa lexislativa popular que foi aprobada por unanimidade polo Parlamento deste país, mais que agora se atopa atoada pola política dependentista de Feijóo. A mesma que bloqueou o traspaso da AP-9 e que teima día a día por subordinar os intereses galegos aos das elites mediáticas, financeiras e políticas do Estado que lle dan vida ao tripartidismo dinástico.

Mirar polo noso

Galicia non ten gobernos amigos nin inimigos. Ten intereses. E estes nunca tan pouco pesaron na toma de decisións do Estado. Malia que nas pasadas eleccións nacionais o PP de Feijóo validase a súa maioría absoluta con máis do 47% dos votos. Un resultado inédito na actual conxuntura política estatal.
Somos só o 5,5 % do PIB estatal e o 6 % da súa poboación. Ao non ter número haberíamos potenciar a nosa identidade, a nosa diferenza, constituír nós mesmos un problema para España digno de atender e resolver. Mais Feijóo dedícase a facer oposición da oposición dentro e a compracer aos medios e opinadores estatais coa súa retórica unionista que tanto dano nos fai.
Velaí o caso do noso espolio enerxético. Despois de atender o noso consumo exportamos o 38 % da enerxía que producimos con tantos sacrificios económicos e ambientais. Mais non podemos usar dese excedente para atraer investimentos industriais potentes, porque a tarifa única nos obriga a pagar o mesmo ca o resto dos consumidores do Estado. E, para máis, temos 5,4 veces máis cortes de luz ca en Madrid porque o estado das nosas redes e a atención do seu mantemento é o peor do Estado. Pois ben, para o presidente Feijóo non podemos esixir o dereito a decidir sobre a tarifa eléctrica e sobre ese excedente que podería darlle tanto pulo industrial á nosa economía. Non podemos porque, como dixo este día “ninguén na España entendería unha tarifa eléctrica galega distinta”.
Se falamos de mobilidade vemos como a conexión entre as áreas urbanas que abranguen o 60% da poboación deste país (a AP-9) grava con cadanseus 30 € e 36 € de peaxe as viaxes entre A Coruña e Ferrol con Vigo, mentres a conexión entre as capitais castelás e andaluzas é de balde. Case o 30 % das multas do Estado caénlle aos condutores galegos, porque temos a poboación máis espallada e a menor cobertura de transporte público ferroviario.
Os nosos portos son estratéxicos entre Norteamérica, a canle de Panamá e o Norte de Europa. Mais esta conexión non dá rendemento, porque Madrid xestiona os nosos portos en beneficio do Mediterráneo e de Alxeciras e pola ausencia de axeitadas comunicacións ferroviarias entre os portos e Europa, vía eixo cantábrico.
Puxemos a Feijóo para mirar polo noso. E mira polo de outros.

Electricidade máis barata na Galicia

O Parlamento de Galicia vén de aprobar por unanimidade a toma en consideración dunha iniciativa lexislativa popular (ILP) promovida polo sindicato nacionalista CIG para facer posíbel unha tarifa eléctrica diferenciada para Galicia, que aforraría nun 30% as chamadas peaxes da enerxía, co que se acadaría para os consumidores galegos unha media dun 12,5% de rebaixa na factura eléctrica. Cómpre salientar que as peaxes supoñen o 41,5% da factura da luz e o consumo só o 37,5%. O resto son impostos.
Galicia sofre custos ambientais e sociais moi importantes para producir electricidade eólica, térmica ou hidroeléctrica e o 40% desta electricidade consúmese fóra do noso País. Velaí a racionalidade desta proposta. Porque a tarifa eléctrica única para todo o Estado foi imposta por Franco no 1951 e non se aplica nas principais democracias occidentais (USA, Reino Unido, Austria, Alemaña), que. pola contra, tentan que haxa unha real competencia e pluralidade, tanto na xeración como na distribución eléctricas.
A tarifa única española grava aos países produtores como Galicia e aos grandes consumidores industriais, lastrando gravemente a competitividade industrial galega e, en xeral, a española. O sistema está pensado no capitalismo castizo de amiguetes e na visión centralista das cousas típica do bipartidismo dinástico. Beneficiando ás grandes distribuidoras e aos territorios de grande consumo doméstico, como Madrid, que case non xera enerxía.
A ILP contempla, tamén, a obriga da Administración galega de remediar a pobreza enerxética das familias, definindo esta como a situación na que se gasta máis do 10% dos ingresos familiares en luz e gas e non se garante unha temperatura constante na casa entre 18 e 21 graos.
Que os galegos nos decatemos de que esta tarifa eléctrica é unha estafa non gosta en Madrid. Recentemente, en portada, o xornal “Cinco Días” alcumaba de insolidaria e inconstitucional esta proposta. De inconstitucional non ten nada, só require da reforma dunha lei ordinaria, a Lei do Sector Eléctrico. E, canto á solidariedade… que lles parece producir electricidade, pagala máis cara e que, aínda por riba, perdamos todos os anos 500 M€ de financiamento local e 1460M€ de financiamento autonómico por mor da voracidade da Administración do Estado?
Con que dereito nos alcuman de insolidarios?

En Marea e os intereses de Galicia

Concordo coa idea de que Galicia habería ollar moito menos cara Madrid e moito máis cara á Europa e América. Somos periféricos a respecto de Madrid, sendo centrais a respecto do eixo Rotterdam/Antuerpe/Londres-Canle de Panamá. Desgrazadamente, desfrutamos dun autogoberno moi limitado e dependemos de moitas decisións do Goberno do estado. Velaí que teñamos que seguir a ollar cara aló, polo menos para algunhas solucións.
Non é imposíbel que Sánchez (PSOE) forme un goberno de tendencia progresista con Pablo Iglesias (Podemos) de vicepresidente e acade maioría simple na segunda votación de investidura. Este Goberno tería bloqueada a reforma constitucional, pois que o PP conserva a maioría absoluta do Senado e con C´s sobarda os 2/5 do Congreso. Con todo, tería capacidade para votar leis, mesmo leis orgánicas, se é quen de pactar cos 17 deputados independentistas de Democràcia i Llibertat e ERC.
Quere isto dicir que este Goberno, como todos os que dependen da negociación e do compromiso, podería ser unha oportunidade para lle dar pulo a determinados intereses galegos. Comezando pola transferencia do 5,5% dos fondos destinados ao financiamento local que nos corresponden por poboación, para obter os 500 M€ que o Goberno español nos substrae todos os anos. Seguindo por un novo sistema de financiamento autonómico que avalíe a xeito as variantes do avellentamento e o espallamento poboacionais e compense os case 1460 M€/ano de desequilibrio en contra nosa da balanza fiscal entre o que Madrid recada en impostos e o que invisten as Administracións Públicas en servizos.
Continuando pola implementación dunha tarifa eléctrica de noso e a transferencia de todas as competencias estatais en réxime local, educación, portos e aeroportos de interese xeral, salvamento marítimo e outras. Ou polo axeitado financiamento da parte estatal que lle cómpre na atención aos nosos dependentes, nunca cuberta.
Velaí a importancia que ten que En Marea sexa quen de actuar de xeito independente, mantendo a súa personalidade política e axenda. Porque en política (tamén na nova política) non hai amigos. Hai intereses e, xa que logo, hai ou pode haber socios.

A penalización da enerxía galega

A tarifa eléctrica única para todo o Estado é un despropósito. Territorios de alto consumo doméstico non produtores de enerxía, como Madrid, pagan menos ca Galicia, pois que aquí temos que aboar para máis un suplemento polo tributo autonómico que grava a enerxía eólica que producimos.
O sistema centralizado, en xeral, beneficia ás illas Canarias e Baleares, Ceuta, Melilla, ao carbón asturpalentinoleonés e ao grande consumo doméstico dos territorios non produtores, como Madrid, penalizando ás grandes empresas industriais e aos consumidores domésticos, nomeadamente aos máis pobres e aos que tentan producir parte da enerxía que consumen. A tarifa única, por outra banda, aproveita a falla dunha política europea da enerxía para impor un trato de favor (nomeadamente apreciábel cos últimos ministros Sebastián-PSOE e Soria-PP) ao oligopolio das tres grandes distribuidoras-comercializadoras: Gas Natural-Fenosa, Iberdrola e Endesa. As tres adoitan ser refuxio de antigos dirixentes socialistas e populares.
As sucesivas reformas da lexislación do sector eléctrico e do marco tarifario, canda o desestimento do concurso eólico do goberno de coalición BNG-PSOE imposto por Feijóo, liquidaron o eólico como sector estratéxico da economía galega e impediron que o noso capital autóctono adoptase posicións sólidas no ámbito da produción enerxética, mentres se reforzaba o predominio da distribución e do transporte. Para máis, a supresión das primas á ininterrumpibilidade puxo en perigo a continuidade empresarial de grandes consumidores industriais galegos, como Alcoa, mentres en Galicia a pobreza enerxética xa afecta milleiros.
Pagamos máis por producir enerxía, malia sufrirmos importantes custos ambientais. Galicia é a grande prexudicada da regulación enerxética. Porque, ademais de pagar máis caro, impedíusenos beneficiarmos do desenvolvemento empresarial do sector das renovábeis.
Velaí que a iniciativa lexislativa popular que vén de promover a CIG, a respecto da necesidade dunha tarifa eléctrica de noso, abra un dos principais debates do futuro económico de Galicia. Falemos, pois, de balanzas enerxéticas e sexamos conscientes dos nosos intereses, que só nós podemos visibilizar.

“Podemos” e o noso benestar

Partillo con Podemos en que non existe, na nosa Galicia, un problema social máis grave ca garantirlle vivenda digna aos despexados ou subministración eléctrica abonda á cidadanía que evite a pobreza enerxética. Sen dúbida son os problemas da exclusión social os prioritarios. Mais…
Mais a garantía do benestar para a cidadanía galega non depende só da grande mutación institucional e política que propón Podemos. Tamén depende en grande medida da saúde da nosa economía. A queda das rendas agrarias, a crise do naval, a imposición dunha tarifa enerxética discriminatoria para os nosos consumidores e industrias malia aturar os custos ambientais de producir a electricidade… xeran subemprego, desemprego, pobreza. A desindustrialización de Galicia xera pobreza e exclusión social.
Entón, ten razón Anxo Quintana cando expón, nesa xeira de palestras que está a desenvolver ao longo e largo do País, que Pablo Iglesias de Presidente do Goberno do Estado non garantiría o pulo da nosa economía e do noso benestar. Porque os alicerces da economía galega (lácteo, naval, pesca e acuicultura, enerxía, forestal e madeira…) non son os alicerces da economía española. O que é estratéxico para Galicia é prescindíbel para España. Xa que logo, por moi boa intención que puxer Pablo Iglesias (na que acredito) non poderá desenvolver políticas que beneficien a economía galega, tendo en conta que somos o 5% PIB e o 6% da poboación, sen tensións cos operadores económicos dos sectores que si son cruciais para a economía española. E aí contamos pouco. Precisamos da forza da nosa identidade, da nosa diferenza.
Velaí que a experiencia de Podemos sexa tan prometedora para outros territorios e mesmo para un mellor encaixe de Galicia no Estado. Porque por primeira vez o galeguismo político pode ter un interlocutor razoábel no Estado. Un interlocutor que recoñece a plurinacionalidade española e está disposto a un proceso constituínte.
Mentres, na Galicia seguimos precisando dun relato de noso que xunga o rexeneracionismo social e institucional cun proxecto de País que sirva ao progreso da nosa economía para garantirmos o benestar da cidadanía galega. E ese relato só pode vir fornecido dende o galeguismo político, dende unha opción xenuinamente nacional que constrúa dende a inclusión, a cohesión social e a transparencia.