A campaña da represión

O 27-O o Parlament aprobou a declaración da República catalá, mais axiña viuse que a declaración era só simbólico-política. Ninguén fixo nada por implementar na orde práctica esta declaración política. Nese mesmo serán, o Goberno do Estado disolvía a Cámara catalá, convocando eleccións para o 21-D, e cesaba ao Govern.
Eran medidas que sobardaban absolutamente o marco do artigo 155 da Constitución, que permitía intensas medidas de intervención do autogoberno, mais nunca a anulación do autogoberno. Porén, as Institucións catalás asumiron o seu cesamento sen reaccionar con medidas de desobediencia pacífica.
Así e todo, o falecido fiscal xeral instaba querela contra dos membros do cesado Govern perante a Audiencia Nacional (AN) por uns inexistentes delictos de rebelión e sedición (non houbo violencia ningunha en ningún intre e este elemento é esencial a estes dous delictos), e a maxistrada Lamela enviou o vicepresidente Junqueras e os conselleiros todos ao cárcere, como fixera días antes cos Jordis. Ao tempo, ditaba unha orde europea de detención contra Puigdemont e os membros do Govern que ficaran canda el na Bélxica.
Co tempo, o Tribunal Supremo, que instruía a querela contra da Mesa do Parlament, xuntou as dúas investigacións da AN que tiñan por investigados aos membros do Govern e aos Jordis. E retivo no cárcere aos propios Jordis, ao vicepresidente Junqueras e ao conselleiro do Interior, J. Forn, por considerar que estes podían reincidir en condutas delitivas violentas. Onde viu o maxistrado Llarena esa violencia nas semanas pasadas?
Mais o verdadeiramente rechamante foi a retirada, polo mesmo maxistrado instrutor do TS, da euroorde de detención a respecto de Puigdemont e dos outros conselleiros transeúntes. Semella que as supostas gravísimas condutas que manteñen Junqueras, Forn e aos Jordis no cárcere non han ser perseguidas, malia todo, fóra do Estado español. Había medo no TS de que os xuíces belgas rexeitasen as euroordes?
Catalunya enfronta unhas eleccións ilexítimas na súa orixe e desenvolvidas até arestora sen as mínimas garantías democráticas, cos principais candidatos de ERC e Junts per Catalunya no cárcere ou no exilio. Hai presos políticos e paira a idea, non cinguida ao ambito catalán, de que os donos do chiringuito, os que moven o tripartito dinástico, racharán as regras de xogo sempre que lles conveña.

A tarifa da aldraxe

Os consumidores e empresas galegas sofren a aldraxe dunha tarifa eléctrica única española que castiga a produción e o consumo industrial e prima o transporte para o consumo doméstico dos territorios non produtores, como Madrid. É dicir, que Galicia sofre o custo social, paisaxístico, ambiental e mesmo económico (asulagamento por encoros de terras moi produtivas agrariamente), exporta case o 40% da electricidade que produce e ten que pagala ao mesmo custo ca Madrid. Desculpen, non é verdade. Ten que pagala máis cara ca Madrid porque ao prezo único estatal se lle engaden os tributos autonómicos que gravan a produción.
O sistema eléctrico español vulnera varias Directivas europeas ao primar o transporte da enerxía no canto de promover o consumo a carón da produción, reducindo os custos do transporte eléctrico (30% do total da factura). Ademais, establece, contra o principio de libre concorrencia que alicerza o Dereito europeo, o monopolio do transporte de alta tensión a prol de “Red Eléctrica de España (REE)”, que gaña 300 M€/ano por mor duns prezos abusivos que aproba o propio Goberno do Estado. Un sistema ineficiente que explica que o Estado español sexa o terceiro da UE coa electricidade máis cara.
Mais á ineficiencia hai que lle engadir a arbitrariedade. Porque constitúe unha aldraxe que nós, produtores, teñamos que pagar a electricidade máis cara ca os madrileños que non producen electricidade. Porque constitúe unha gravísima pexa para a nosa competitividade que non poidamos tirar beneficio da exportación dese 40% de electricidade que producimos de máis, atraendo investimentos industriais cos custos enerxéticos máis baixos que haberíamos estar en condicións de ofertar. Porque nun país produtor de enerxía é unha gravísima inxustiza que 500.000 persoas galegas (máis do 18% da poboación) sofran pobreza enerxética.
A CIG soubo promover unha iniciativa lexislativa popular que foi aprobada por unanimidade polo Parlamento deste país, mais que agora se atopa atoada pola política dependentista de Feijóo. A mesma que bloqueou o traspaso da AP-9 e que teima día a día por subordinar os intereses galegos aos das elites mediáticas, financeiras e políticas do Estado que lle dan vida ao tripartidismo dinástico.