Promovermos o turismo sustentábel

O arquitecto galego Iago Lestegás vén de amosar que o centro histórico de Lisboa rexenera o seu tecido a medio de investimentos dirixidos a acoller turistas que están a expulsar a súa poboación tradicional. Este fenómeno está a ocorrer tamén na Barceloneta e na cidade histórica barcelonesa acadando o seu máximo expoñente en Venecia, onde case non viven venecianos. Por outra banda, a degradación do ambiente e da paisaxe en varias áreas do País Valenciá amosan os prexuízos de determinado turismo de sol e praia.
Na Galicia non se dan aínda ningunha destas situacións irreversíbeis. Mais a presión turística comeza ser abafante en parte de Compostela. Nos últimos anos a meirande parte do comercio do Casco Histórico orientouse cara un turismo “low cost” que xera unha grande presión física durante máis dun terzo do ano sobre determinadas rúas da área. Área que perde residentes polos problemas de mobilidade e adaptación de vivendas e máis pola carencia de servizos.
O problema do turismo de peregrinación compostelán é a súa relación custo-beneficio. Ou soben os beneficios económicos a medio da suba das pernoctas ou mesmo da aplicación dunha taxa de efecto moderador ou cumpriría considerar a redución das visitas nalgunhas áreas da cidade en determinadas épocas do ano, do mesmo xeito que se fixo na praia das Catedrais ou nas Illas Atlánticas. Cómpre, pois, abrir o debate e adoptar decisións estratéxicas, comezando pola oferta de recursos e contidos para obter ese incremento das pernoctas. E aí haberían ir da man a Xunta, o concello e a sociedade civil.
No resto de Galicia hai marxe para que medre un turismo sustentábel integrando os moitos recursos dos que dispomos. Mais tamén existen elementos de preocupación. Por exemplo, que nunha comprensíbel lóxica de desestacionalización nas Rías Baixas se estea a vender da man de determinados tour operators pernocta e pensión completa a 30 €/persoa e día en primavera e outono.
O 12% do emprego e o 11% do PIB galego correspóndelle xa á industria turística. Comeza, pois, a ser un sector estratéxico para Galicia. Mais se non se planifica o crecemento futuro, se non se constrúe a industria turística sobre alicerces sustentábeis, teremos pan para non moitos hoxe e fame para todos mañá.

Xestionarmos os aeroportos

Somos un pequeno país ao Oeste da Europa de potencialidades e vocacións exportadora e turística. Para Galicia un sistema aeroportuario coordinado e eficiente é chave para o seu desenvolvemento económico. Feijóo fracasou en acadar ese sistema porque o problema non é de facer Comités ou levarse ben cun Ministro, senón que é competencial e de xestión. AENA é o sistema de xestión aeroportuaria máis centralizado e burocratizado da Europa, onde son os Poderes rexionais e/ou locais e os consorcios público-privados os que xestionan os aeroportos, no canto das axencias dos Estados. É incríbel que até a xestión das cafetarías, aparcadoiros ou handling se contrate en Madrid. Cómpre distinguirmos entre competencias de navegación aérea (que han pertencer á Unión Europea) e a da xestión dos aeroportos, que Galicia precisa. Velaí como as grandes solucións aos grandes problemas ou reptos galegos veñen sempre da man do incremento do autogoberno. Mais neste caso, Galicia non habería repenicar o esquema centralizado de AENA na súa xestión futura, senón asociar aos concellos e aos axentes sociais á xestión autónoma de cada aeroporto. Coordinar os aeroportos significa especializar. Con menos de tres millóns de habitantes os aeroportos galegos non se poden facer a competencia os uns aos outros, xa que esa competencia inviabiliza determinadas conexións. Ao mellor poden coexistir London Stansted en Compostela e London Heathrow na Coruña, pero a conexión con Dublin, con Amsterdam, con Frankfurt ou con Roma ha ser única. Doutro xeito estaremos potenciando Madrid como facilitador intermedio, con grave dano aos nosos intereses, nomeadamente aos turísticos. Canto á coordinación de rotas, cómpre salientar algunhas evidencias. O aeroporto compostelán ha ser o aeroporto turístico e a grande porta cara Europa e América. A Coruña e Vigo han continuar a súa especialización como aeroportos de negocios, sensíbeis a cadansúas necesidades de Inditex e PSA-Citroën, motores económicos das áreas coruñesa e viguesa. O ramo é garantir unha mobilidade razoábel a respecto dos tres aeroportos. Para que os outros renuncien a determinadas conexións, o aeroporto operante ha estar ben conectado co conxunto do País. Hai que integrar os aeroportos co tren e co bus.

Mirarmos polo noso

Hai quen di que promocionarmos a identidade vai contra os nosos intereses económicos. Mais a realidade é que Galicia só achega o 5,5% PIB e o 6% da poboación estatais. É dicir, contamos ben pouco por número, fronte a Catalunya ou Andalucía. E as actividades económicas que para nós son esenciais (forestal, lácteo, mar-industria, naval, a ubicación e potencialidade dos nosos portos…) para España son prescindíbeis. Canto á principal actividade económica española, o turismo, Galicia tamén ten intereses totalmente contrapostos. Porque non podemos vender sol e, xa que logo, temos que independizar totalmente a nosa oferta, o noso produto.
Velaí como Galicia precisa da propia identidade como garantía da súa viabilidade económica. E o exemplo aquelado da promoción turística independente (“mire, Galicia non lle pode ofrecer sol oito meses ao ano, mais ofrécelle outros atractivos”) é válido para camiñarmos o noso futuro como País. Galicia ten que pensar en si propia e nos seus propios intereses. E presentarse na Europa e no mundo como tal. Conta para iso coas inmensas vantaxes do camiño xacobeo, da lusofonía, da súa proxección ibeoramericana e do seu apreciábel coñecemento nos países celtas e en boa parte da Europa.
O que esixe (como ben dicía aquel grande coruñés e europeísta, Salvador de Madariaga) acadarmos os máximos níveis de autogoberno que permitan as circunstancias. Precisamente para pormos en valor todos eses alicerces da nosa economía que España non considera porque para o conxunto dela non son importantes. Para acadarmos outro financiamento (Anxo Quintana e “Sómos Nós” veñen de demostrar que Galicia é acredora de máis de 1150 M€/ano adicionais para os seus concellos por avellentamento e dispersión poboacional) e outra tarifa eléctrica. E para enfrontar unha acción exterior de noso que invirta os patéticos níveis de investimento exterior que captamos e poña a Marca Galicia no mundo.
Galicia non ten máis garantía da súa viabilidade económica ca identidade e o autogoberno. Despoxados da forza dos números só mantemos a da diferenza, a da nosa especificidade como galegos. Porque sen ela seríamos un recuncho noroeste de cativa demografía e economicamente empobrecido. Sen interese para case ninguén.

O Camiño e a marca Galicia

Conta ben o profesor Núñez Seixas que as grandes epopeias galegas son o Camiño e a emigración. Porque non se pode entender o País sen a achega deste primeiro itinerario europeo, que construiu a identidade nacional da Galicia e a da Europa como espazo cultural común. Porque os galegos levamos acollendo outras xentes toda a vida: vai para 900 anos que o bispo Xelmírez e a raíña Urraca rifaron coa Cidade e esta impuxo un novo rei para Galicia: Afonso VII. Daquela, xa ingleses, escoceses e escandinavos chegaban á Coruña por mar e os francos (que logo porían tendas no burgo compostelán), italianos e tedescos pola terra. Compostela naceu da Galicia, pero tamén da Europa toda.
Velaí que a política de promoción turística deste País ha integrar o Camiño e a Compostela como principais referentes e haxa que contextualizar o desenvolvemento desta industria dende parámetros moi afastados do turismo de sol e praia de Turespaña.
O visitante europeo e internacional (hoxendía o que máis consome) ven a Compostela e a Galicia polos seus atractivos espirituais, culturais, paisaxísticos, ecolóxicos e gastronómicos; non para que lle repeniquen a Feira de Abril ou as horteradas de Marbella ou Benidorm. E constitúe unha fonte de ingresos fulcral neste contexto recesivo que, por outra banda, non quere colonizar ninguén. Apenas desfrutar dunhas vacacións sen que lle enganen nin estafen, nun País distinto, singular e orguloso de si propio.
O que obriga a todos os operadores turísticos a revisar lugares comúns, mellorar a prestación dos seus servizos e aquelar a oferta ás demandas dos visitantes internacionais. E á Xunta a desenvolver a súa política de fomento turístico de xeito totalmente autónomo, mais coordinado cos concellos, deseñando unha promoción cos atractivos da Galicia toda salientando o carácter central de Compostela e o Camiño.
Cómpre, pois, mirar menos cara Madrid, Levante ou Andalucía e máis cara Londres, Amsterdam ou Antwerpen. Cómpre pechar os ollos e imaxinar que faría o asisado bispo Xelmírez coas enormes potencialidades que o Camiño de hoxe lle abre á marca Galicia, xusto cando o deterioro da marca España semella ser irreversíbel.

Non hai política turística

Os dados de ocupación desta ponte festiva na Galicia foron arrepiantes, con só un 30-35%. Porque a queda do turismo peninsular (pola gravísima recesión portuguesa e española) amosounos que o emperador ía espido. Galicia, a pesares dos seus evidente atractivos e do grande coñecemento acadado polo camiño xacobeo, vai sendo excluída dos grandes circuitos turísticos. E semella que todo o traballo desenvolvido dende comezos da autonomía estase a esfarelar dende 2010.
É evidente que a alternativa é captar turismo europeo e transoceánico. Mais o principal problema para traelos é a nosa incomunicación aérea. O ineficiente centralismo de AENA potenciou Madrid como grande “hub” subordinando os aeroportos galegos a pasar en moitas ocasións por aí. E, independentemente que todo o que non sexan conexións directas con Galicia son moi pouco úteis, están a desaparecer tamén as conexións indirectas vía Madrid e Barcelona. Hoxe en día non é posíbel viaxar dende Barajas cara Alvedro ou Lavacolla dende as 15:45 h.
Xa que logo, semella que a política turística ha de se integrar coa política aeroportuaria. Só coa transferencia dos aeroportos á Xunta poderanse coordinar e especializar os tres aeroportos no marco dun sistema aeroportuario galego de noso. Nese marco, poderemos ter conexións que garantan un fluxo turístico continuado. De feito, arestora é o aeroporto Sá Carneiro do Porto quen está a cumprir como porta de Galicia, como ben sabe a Asociacián de Empresarios de Hostalería compostelá.
Mais tamén resulta claro que Galicia fracasa pola inexistencia de promoción real desque Carmen Pardo está á fronte do turismo galego. Fracasou a campaña de gárdame o segredo e fracasa, en xeral, unha política que nin aproveita o tirón xacobeo nin salienta os nosos caracteres nacionais diferenciais. As provincias e os territorios sen personalidade de seu non atraen aos visitantes.

A ARRINCADEIRA: ConsumoGustos etiquetados en galego.
A crise tamén esta a mancar os sectores galegos da produción alimentaria. Velaí a importancia de mercarmos produtos galegos. O Foro Peinador, incansábel axente de galeguización no ámbito da empresa galega, presenta este luns en Vigo unha campaña a prol do consumo neste Nadal de produtos galegos etiquetados en galego. Sen dúbida, un exercicio de consumo responsábel contribuirá ao tempo, a prol da nosa actividade empresarial e da vitalidade da nosa lingua nacional.