A inutilidade da esquerda española

Arrepía a degradación sofrida polo Estado de dereito nos últimos cinco meses, nomeadamente (malia que non só) por mor da cuestión catalá.
O Dereito Constitucional foi gravemente vulnerado. O artigo 155 da Constitución abeiraba unha intervención na Generalitat, nunca medidas como a disolución do Parlament ou o cesamento do Govern. As recentes medidas cautelares adoptadas polo Tribunal Constitucional para impedir a investidura de Puigdemont vulneraron tamén a súa doutrina, que non permitía admitir recursos contra propostas ou hipóteses.
O maxistrado Llarena (Tribunal Supremo -TS-) inventou novos delictos de rebelión e sedición sen violencia, emitiu e anulou a vontade euroordes de detención contra Puigdemont e os conselleiros exiliados e xustificou a prisión preventiva no mantemento da ideoloxía independentista. Puro Dereito Penal do Inimigo.
No que atinxe ao Dereito Procesual, entre outras moitas actuacións ilegais, descoñeceuse a competencia (directamente prevista no Estatut) do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya para investigar e axuizar conselleiros e deputados para substituíla pola do TS. Deste xeito téntase xustificar o encarceramento fóra de Catalunya e négase o dereito, recoñecido na lexislación europea de dereitos humanos, a un recurso de apelación contra da sentenza que decida o TS.
Estamos xa, na práctica, nun estado de excepción, tanto pola derrogación implícita das garantías constitucionais do autogoberno das autonomías como das garantías dos dereitos das persoas a un xuízo xusto perante os Tribunais ordinarios predeterminados.
O PSOE fai parte do tripartito do 155 e mércalle ao PP e Cs o seu modelo territorial recentralizador, coadxuvando a facer posíbel o actual estado de excepción de feito. E Unidos Podemos e os Comúns adoptan imposíbeis equidistancias, chegando Alberto Garzón a xustificar a represión (“no se pueden ir de rositas”). O sempre reivindicativo mundo do cinema español calou de todo cando tivo ocasión de falar.
Só as forzas galeguistas (BNG, En Marea e CXG) e os nacionalismos vasco, balear e valenciano apoiaron o dereito a decidir dos cataláns e apoian arestora a loita de millóns de cataláns polos seus dereitos fundamentais. Porque isto vai, nomeadamente, de dereitos humanos e de Estado de dereito.

O exemplo de Compromís

Compromís é a terceira forza política do País Valencià, a moi pouca distancia do Partido Socialista, co que forma Goberno dende 2015, despois de 20 anos de maioría absoluta do PP. Quitou entón 19 sobre o total de 99 deputados nas Corts Valencianes. Resultado que lle valeu a presidencia destas Corts (que ocupa Enric Morera), a vicepresidencia da Generalitat (Mónica Oltra) e catro das oito consellerías do Govern. Canda estas autonómicas celebráronse as locais nas que quitou 722 concelleiros e 84 alcaldías, entre elas a da grande cidade de València (Joan Ribó).
A coalición naceu no 2010, fundada pola federación nacionalista Bloc Nacionalista Valencià (Bloc), Iniciativa del Poble Valencià (IPV, forza ecosocialista e valencianista que se escindiu da IU polo seu centralismo e suxeición ao PCE) e os verdes, hoxe integrantes da organización valenciana de Equo. A proposta nacía baixo os principios de valencianismo (organización soberana con decisión única no País Valencià), progresismo non dogmático e ecoloxismo, principios que constituían o mínimo común denominador dos coaligados. O nacionalismo valenciano superaba deste xeito o esencialismo, abríndose a sectores que funcionaban en clave federalista, malia que o principio de autoorganización se asumía tamén por estes sectores como irrenunciábel.
A fins do 2015 o Bloc dubidou en se integrar nunha coalición electoral con Podemos para as estatais, pero IPV e os adheridos non pertencentes a os partidos fundadores pularon por esta coalición, reeditada en xuño de 2016. Mais nas dúas ocasións, o rexeitamento da Mesa do Congreso á coalición valenciana determinou que os deputados de Podemos accedesen ao confederal Unidos Podemos-En Marea-En Comú Podem, mentres que os catro deputados de Compromìs se integraban no Grupo Mixto como subgrupo, atopando unha fórmula que posibilitou que o País Valencià fixese audíbel a voz que hoxe non se escoita (ou, polo menos non abondo) a respecto de Galicia.
O éxito electoral chegoulle a Compromís despois de cinco anos de traballo aquelado. É evidente que a crise do PP nas eleccións do 2015 serviulle de panca de lanzamento. Mais en grande parte o seu éxito débese ao seu estilo dialogante, e inclusivo, pendentes moito máis dos intereses da sociedade valenciana ca dos seus dogmatismos e diferenzas internas.

Luís Villares lexitima o seu liderado

O plenario de En Marea (o seu máximo órgano decisorio) aprobou con maioría absoluta todas as propostas políticas e organizativas de Luís Villares e da dirección nacional, rexeitando as emendas todas dos críticos. Luís Villares seguirá a desenvolver o liderado orgánico canda o parlamentario e as expresións políticas parlamentarias da organización, quer en Compostela, quer en Madrid, haberán de sintonizar no próximo futuro coa dirección nacional que lidera o lugués, tendo en conta a proximidade das vindeiras eleccións locais.
Certo é que só participou o 23% do censo inscrito. Mais certo é, tamén, que os proxectos políticos en democracia defínense dende a participación e non dende a abstención. Ademais, sería un erro grave de percepción por parte dos críticos sumar a meirande parte dos abstencionistas ás súas contas, cando en grande medida han de se sumar á desafección xerada polo continuo balbordo orgánico. A xente quere solucións sociais e políticas prácticas, imaxinativas e participativas para a súa vida cotiá e a dos seus e non batallas continuamente retransmitidas vía media e redes sociais.
Ninguén pode negar, porén, que o agora empoderado voceiro e a dirección nacional mareante teñen que soldar unha fractura interna evidente, tanto facendo medrar a maré galega cara a novos sectores das maiorías sociais canto recuperando moita da disidencia. Mais, para sermos obxectivos, cómpre recoñecerlle aos máis achegados á dirección que nos últimos meses foron continuos os esforzos por acadar a integración política e orgánica desta disidencia. Falta agora saber se os diverxentes queren maximizar esta fractura. Semella que a inminencia da axenda local impedirá unha ruptura e que os alcaldes da Coruña e Compostela afondarán tamén na liña de concordia e unidade, única posíbel para se presentar perante cadanseus electores á volta de pouco máis de vinte meses.
Gañou tamén a autonomía da Maré galega fronte ás propostas máis ou menos implícitas de xogaren a ser franquicia de Unidos Podemos. Unha decisión estratéxica que lle permitirá xogar aos de Villares todas as vantaxes da centralidade do mapa político galego, afondando na cooperación política co novo PSdeG e BNG e manténdose, polo menos en parte, indemnes do abaneo –senón mareira ou forte mareira- que se anuncia no mundo podemita para as vindeiras locais.

A política útil

En Marea enfronta o vindeiro día 15 un Plenario (órgano semellante ao Congreso noutras organizacións) no que ha decidir se afonda na liña de institucionalización, vertebración territorial e sectorial e autonomía dun proxecto nacional representada por Luis Villares e a maioría da actual dirección ou aposta por formulacións menos independentes da liña estatal de Unidos Podemos e que están por estruturas organizativas menos elaboradas e máis propias da coalición de partidos, na liña que definiu a oferta electoral de En Marea no pasado até a súa constitución formal como organización de seu hai un ano.
As decisións adoptadas por En Marea desde que se constituiu formalmente como organización de adscrición individual teñen definido esta autonomía a respecto de proxectos estatais (quizais conscientes do fracaso da representación estatal de En Marea –subsumida nun grupo parlamentario estatal– na visibilización de Galicia como suxeito político e titular de intereses moi singularizados). E tamén definíronse a prol da compatibilidade entre liderados orgánicos e parlamentarios e da expansión organizativa e social, integrando persoas e sectores que non estaban presentes na antiga coalición ás eleccións estatais de decembro de 2015 e xuño de 2016.
Logo o debate está en definir se En Marea, como semella pretender Luís Villares, avanza cara á inclusión de novos sectores sociais, á institucionalización organizativa e a formulación de políticas útiles para a maioría social, con total autonomía a respecto do proxecto estatal de Unidos Podemos, sen prexuízo dos moitos ámbitos de cooperación que ambos os dous proxectos poidan desenvolver no futuro. Galicia e a cidadanía galega teñen intereses específicos, moitas veces non coincidentes cos intereses doutros territorios e cidadanías. Mal se pode desenvolver unha política útil en Galicia dende o descoñecemento desta cuestión capital.
A institucionalización de En Marea resolverá tamén a cuestión de quen toma as decisións. Porque na pasada coalición as decisións non foron adoptadas polas persoas adheridas, senón polas direccións dos partidos coaligados. Cando os proxectos políticos non os definen os oráculos nin os fundadores, senón os seus integrantes en cada momento histórico.

Abran as fiestras

O resultado das primarias do PSOE condicionou en certa medida a oportunidade da moción de censura de Unidos Podemos, En Comú Podem e En Marea. O trunfo indiscutíbel de Pedro Sánchez nas primarias socialistas, baseado na vontade da maioría da afiliación socialista de decidiren sen a intermediación dos baróns e das portas xiratorias e de expresaren a súa oposición á continuidade do Goberno do PP, outorgoulle ao PSOE a primacía “inter pares” da alternativa ao Goberno do PP. Seica os novos dirixentes do PSOE non queren saber de mocións de censura no curto prazo, mais o voto pro Sánchez das primarias sitúa esa moción na cerne do contrato. E incumprir o contrato coas súas bases tiraríalle toda a lexitimidade ao líder socialista.
O Goberno alternativo ao PP é preciso por razóns de política social, para cobrirmos a xeito os servizos públicos, darlle pulo ao diálogo social e equilibrar a política económica en termos que sexan quen de garantir a inclusión e cohesión sociais. Mais, por riba de todo, é preciso por razóns de hixiene democrática. Cómpre botar democraticamente un PP enchoupado na corrupción que, ademais, desenvolve unha política dirixida a bloquear a maioría parlamentaria da oposición e a construír un búnker legal que o garde das pescudas e decisións xudiciais contra as súas prácticas corruptas.
Mais o C´s de Albert Rivera non conta para esta andaina, porque o seu é blindar e desodorar o Goberno popular. Con quen teñen que contar Pedro Sánchez e Pablo Iglesias e con todas as forzas territoriais a quen se lles haberían propor un marco xurídico-político que poida conciliar a España plurinacional co dereito a decidir das súas distintas nacións, mesmo dende uns alicerces que fagan o posíbel por unha continuidade en común que respecte a identidade e intereses das distintas nacións que coexisten no Estado.
Construír axiña un Goberno alternativo ao do PP é esencial para a nosa convivencia democrática. E mesmo contribuirá a rexenerar eficazmente o espazo político da dereita española. De seguro que pasar pola oposición lle permitiría rexenerarse e mesmo autoinventarse, posibilitando as reformas constitucionais que o Estado e o conxunto das súas nacións e territorios precisan para avanzar.

Un erro de inmadurez política

Son dos que penso que o AVE radial dende Madrid, só para pasaxeiros, deseñado polo PP, PSOE e grandes construtoras madrileñas non constituía nin constitúe a máxima prioridade ferroviaria de Galicia. Neste senso, a falla de priorización da conexión con Porto e Lisboa determinou que Galicia ficase illada da grande conexión entre o Atlántico portugués, o “Y” basco e Francia. A conexión ferroviaria dos portos, a media distancia do Eixo Atlántico, o tren de proximidade e o corredor cantábrico apto para mercadorías haberían ser prioridades a respecto dun AVE que só conecta pasaxeiros con Madrid.
Mais compre traballar coa realidade que temos e o estado do desenvolvemento do AVE galego, logo de tantos anos de atrasos e mentiras, obriga a que rematalo sexa unha prioridade de País, asumida hoxendía por case toda a cidadanía. Rematar o AVE á maior brevidade é, quizais, o interese galego en infraestruturas que conta con máis consenso social neste país. As dúbidas e vacilacións a respecto da prioridade do AVE galego son politicamente incorrectas na Galicia.
Velaí que o rexeitamento da única senadora de En Marea á moción sobre infraestruturas que consensuaran no Senado PP, PSOE e PNV constitúa un evidente erro, propio da inmadurez política, que amosa a necesidade de que os órganos reitores deste partido coordinen o labor da súa representación en Madrid (cinco deputados e unha senadora), como coordinan o labor do seu Grupo no Parlamento de Galicia. Os deputados e senadora mareantes representan unha forza galega, que existe, entre outras cousas, para defender os intereses de Galicia. Ou sexa que cando estes intereses galegos non coincidan cos xerais ou cos intereses cataláns, por exemplo, os representantes de En Marea haberían explicar a súa discrepancia e voto discordante a respecto das decisións de Unidos Podemos e En Comù Podem. Con toda naturalidade.
En Marea require con urxencia dos niveis de institucionalización que lle permitan unha acción parlamentaria útil e eficiente. No caso de Madrid, ademáis, require que a poidamos visualizar como unha ferramenta política galega, totalmente autónoma. Non como unha forza auxiliar de Pablo Iglesias.

Enchoupados na corrupción

As pescudas que estamos a coñecer referentes á Operación Lezo confirman, si, a convicción de que o PP autonómico de Madrid desenvolvíase, polo menos até o 2015, nun estado de corrupción sistémica, que aqueixaba ao conxunto dos seus níveis. Neste senso, mesmo a recoñecida culpa in vigilando da lideresa Esperanza Aguirre semella xa superada. Avisos abondo tivo das trapalladas do Ignacio González e do Francisco Granados e non actuou de xeito ningún, polo que non pode afastar de si a sombra da sospeita.
Ben, a corrupción é sistémica no PP de Madrid e no PP do País Valenciano. Mais, que pasa no nível estatal? É un problema dunhas poucas mazás podres no cesto? Non, verdadeiramente. O peor da crise aberta o 19 de abril é constatar como o aparello da madrileña rúa Xénova e os Ministerios de Xustiza e Interior non só actuaron pasivamente fronte á corrupción que enchoupaba o partido, senón que fixeron uso de todas as ferramentas que tiñan na man para diluir as pescudas xudiciais en curso. Porque coas resultas da Operación Lezo puidemos enxergar o sentido real da operación fiscais desenvolvida polo ministro de Xustiza e que substituíu os responsábeis na Fiscalía Xeral do Estado, nas Superiores de Euskadi e Murcia e na Fiscalía Anticorrupción. Unha operación coordinada coa reforma da Lei de Axuizamento Criminal (que limitou a seis meses o tempo máximo de instrución penal, agás informe a prol da Fiscalía) e cos esforzos do PP estatal por minimizar xudicialmente a operación Gürtel e cantas pescudas xudiciais tiran do fío das súas vergoñas.
Nestas circunstancias, a moción de censura promovida por Unidos Podemos, En Marea e En Comú Podem constitúe unha ferramenta de limpeza democrática no fondo, malia que nas formas amosarase de máis ese protagonismo sobreactuante propio do Pablo Iglesias. Constitucionalmente a moción de censura non é un mecanismo excepcional. Todo deputado pode presentar unha por cada periodo de sesións, é dicir dúas ao ano. E ninguén enferma por iso.
Serán, en todo caso, as outras forzas políticas as que xustifiquen porqué non botar fóra do Goberno un partido enchoupado na corrupción e enfrontar un Goberno de concentración para unha curta lexislatura centrada na rexeneración democrática.

A arrincadeira. Frear o fascismo.
Entre Macron e Le Pen non collen as terceiras vías. A primeira prioridade da Europa hoxe é frear o fascismo.

Centrarse no importante

En Marea obtivo o segundo posto nas eleccións nacionais do último setembro, con case o 20% dos votos emitidos e sobardando ao PSdeG. O seu candidato, Luís Villares, non tiña experiencia política previa, mais foi quen de abrir bos camiños e expectativas nun proceso marcado de saída pola grande vantaxe en termos de coñecemento social, presenza mediática e experiencia no regate curto de Núñez Feijóo.
En Marea elixe esta fin de semana o seu máximo órgano entre congresos, aínda dubidando entre construíir unha organización política única de adscrición individual e cun liderado claro ou elixir un consello das mareas con varios voceiros que sirva de mero enlace entre unha estrutura coaligativa das distintas organizacións locais, independentes e os partidos Anova, Podemos e EU. Semella, pois, que algúns sectores dubidan e mesmo queren parar o proceso lóxico dos acontecementos, pois que a decisión fundacional de Vigo, este verán, foi nidia no senso de construir unha organización única, de inequívoca base e obediencia galega.
Quizais o problema fundamental nesta andaina sexa o de clarificar as relacións de En Marea coa coalición estatal de Podemos e EU. Semella que a maioría dos mareantes e, dende logo, das súas bases electorais, están pola independencia da organización galega e a colaboración con Unidos Podemos dende os acordos programáticos comúns e non dende a subordinación. Isto habería ter o seu corolario nos cadros de Podemos e EU: ou se está no proxecto estatal ou se está no proxecto galego.
A implosión do PSdeG abre un grande oco á acción política de En Marea e do BNG. Mais, no caso dos mareantes, precisan no camiño construír organización dende os elementos territorial e sectorial, garantir a súa absoluta independencia do complexo Podemos-IU e visibilizar o nidio liderado orgánico e institucional de Luís Villares. Dende eses alicerces poderían consolidarse como referente da oposición galeguista e progresista e marcar tendencia nunha acción concertada co BNG, que precisan máis ca ninguén os gobernos locais progresistas.
Sen eses mínimos, En Marea sofrirá as consecuencias da indefinición. E iso pasará factura en termos electorais. E, ao mellor, súpeta.

Portas xiratorias e xarróns chineses

O máximo órgano do PSOE estatal entre Congresos causou a demisión de Pedro Sánchez, ao rexeitar por maioría absoluta a súa proposta para a convocatoria axiña dun Congreso Extraordinario con primarias directas para elixir o novo Secretario Xeral. Os baróns e as portas xiratorias, guiados polo xarrón chinés Felipe González, determinan, outravolta, a caída dun Secretario Xeral elixido directamente pola afiliación.
A necesidade de remover Pedro Sánchez había ser moi importante para que estes baróns e portas xiratorias asumisen o dano orgánico e reputacional que esta crise lle ten xerado e lle xerará aínda ao PSOE. Esa necesidade concretábase na continuidade de Mariano Rajoy como presidente do Goberno do Estado, evitando un Goberno alternativo que se enxergaba no horizonte, baseado nos alicerces do PSOE, Unidos Podemos, En Marea, Compromís e demais confluencias e coa aprobación tácita do PNV, ERC e os exconverxentes do PDC.
Como queira que este non nato Goberno alternativo non ía facer revolución ningunha nin tampouco recoñecer de primeiras o dereito a decidir de Catalunya e das demais nacións do Estado, cal era o problema? O problema tiña varias facianas. A da corrupción, onde PP e PSOE andaluz partillan claros obxectivos de dilución das variadas frontes xudiciais ás que concorren. A do mantemento dunha distribución do Poder Territorial xa fracasada, afondando nunha recentralización que só beneficia á inviábel macrourbe madrileña e aos seus axentes financeiros políticos e mediáticos. E a das grandes empresas dos sectores regulados, que querían garantir a continuidade dos marcos normativos favorábeis á concentración bancaria, á grande distribución eléctrica e aos intereses recentralizadores e privatizadores dos grandes grupos construtor-concesionais. Grandes empresas que dominan ao 100% o ámbito comunicacional de Madrid, que exporta doutrina ao Estado todo. Velaí o triste espectáculo do xornal El País e dos informativos estatais da SER, definitivamente abducidos por esta Santa Alianza.
Velaí que este vello PSOE, moi consciente da limitada, pero substancial reforma que se achegaba, preferise salvar o peor do sistema da transición antes de ofrecer unha alternativa viábel para transformalo.

Gaña Rajoy e afrouxa a nova cultura política

O PP foi claro vencedor do proceso aberto coas eleccións xerais do pasado 20-D e que rematou coas eleccións de onte. Sobe 4,2 pontos porcentuais (do 28,7 ao 32,9%) e 14 deputados ao 95% escrutado (de 123 a 137), puxando do bloque PP-C’s dos 163 aos 169 escanos, pois que C´s, cunha moi discreta baixada perdeu 8 deputados (de 40 a 32). Os outros 5 perdeunos o PSOE (baixa de 90 a 85), que quitou o peor resultado da historia, malia que o mantemento do segundo posto en votos e escanos fronte Unidos Podemos (máis En Marea e as confluencias catalá e valenciana), que igualou resultados (71 escanos) cos obtidos por estas forzas e IU hai seis meses.
Psicoloxicamente Rajoy é o claro gañador, porque converte C’s nun socio innecesario, quítalle 50 deputados ao PSOE, que ficaron segundos e frea intensamente a Pablo Iglesias, que non rendibiliza a coalición. Será complexa, porén, a reedición do goberno Rajoy, pois que fóra de C´s non se albiscan socios probábeis, xa que Sánchez salvou o segundo posto e, con el, os mobles. Mais será imposíbel superar eses 169 votos negativos, tendo en conta que os 17 deputados independentistas cataláns (9 ERC e 8 CDC, que repetiron os resultados do 20-D) non votarán a prol de candidato ningún. Ao final é probábel que goberne Rajoy, mais perderá sen dùbida moitas votacións no Congreso. E terá que mudar, quizais substancialmente, as claves da súa axenda política.
O ocorrido no noso País é, quizais máis rechamante. Aquí o PP recupera catro pontos (do 37 ao 41%) e a suma de votos do PP e de C’s sobarda o 50%, fronte ao 46% curto da suma do BNG, En Marea e PSOE. En Marea perde un escano (de 6 a 5) e a avantaxe a respecto do PSOE, que obtén 6 con moi poucos votos máis. O PP gaña este deputado e o único de C’s e En Marea acusa o castigo nomeadamente nas cidades onde goberna, por exemplo a respecto de Vigo, onde segue a superar o 30% de votos.
Evidentemente as autonómicas non son procesos comparábeis, mais En Marea terá, sen dúbida, que ampliar a súa base social ollando cara ao galeguismo, ao tempo que se dota dun programa de goberno críbel e dunha equipa solvente. BNG, PSdeG e o mundo das Marés terán que enfrontar a difícil tarefa dunha alternativa plural e confiábel, se non queren que Feijóo teña opcións reais de revalidar a maioría absoluta.