A cuestión catalá e Galicia

Os partidos soberanistas obtiveron a maioría absoluta nas eleccións catalás, cun 47,5 % de votos e 70 escanos sobre 135. O resultado é aínda máis rechamante se temos en conta que a convocatoria electoral dende o Goberno do Estado era ilexítima, por mor dunha inconstitucional aplicación do 155 e que os partidos non desfrutaron das mesmas posibilidades, cos principais candidatos de Junts x Catalunya e ERC no cárcere ou no exilio.
Mais o feito de obter Cs o primeiro posto en votos (máis do 25%) e escanos, a falta dunha maioría absoluta de votos independentista e a grave derrota da CUP (que baixa de 10 escanos a só 4) achega certas particularidades a esta vitoria electoral. Junts x Catalunya e ERC non van precisar deles para gobernar e interpretarán o seu 43% de votos (fronte ao 39,5% de Junts x Sí do 2015) no sentido dun mandato cidadán para continuar co procès, malia que afastándose dunha vía unilateral que semella arquivada polo de agora.
Agora é, pois, a hora da política. O tripartito dinástico do 155 non continuará unido como até de agora. O PSC -e canda el o PSOE- han pasar páxina da suicida colaboración co PP e con Cs e buscar un espazo propio, quizais partillado parcialmente cuns Comuns desterrados á irrelevancia. E será Pedro Sánchez quen primeiro requirirá de Rajoy unha oferta de negociación. Por outra banda, a situación evoluirá no ámbito da Unión Europea, onde as simpatías do soberanismo catalán cotizarán á discreta alza, sendo probábeis as presións ao Goberno do Estado para que abandone o inmobilismo e abra unha negociación para unha reforma constitucional en termos de federalismo asimétrico, para garantir o encaixe da singularidade catalá.
Podería ocorrer, xa que logo, que este inverno se abrise a vía para negociar unha reforma constitucional que podería limitarse a recoñecer máis competencias (e blindalas de eventuais iniciativas recentralizadoras) e un mellor financiamento ou incluír tamén a vía para un referéndum catalán vencellante, con regras máis ou menos ríxidas, na liña da lei da claridade canadiana.
Galicia non habería ficar á marxe desta reforma constitucional. Porque a ampliación e blindaxe do autogoberno é a única vía factíbel para o noso benestar, tendo en conta que os nosos intereses económicos non adoitan coincidir cos intereses economicos xerais.

Galicia sen pulo

O xeito de gobernar o país de Núñez Feijóo ten tres características fundamentais: I) a total subordinación a respecto do Goberno Rajoy e das elites mediáticas e financeiras do capitalismo de amiguiños do BOE, II) a ineficacia burocrática na xestión e III) a falla dun modelo de País e de ideas cara ao seu futuro.
A subordinación dependentista é evidente. Coa única maioría absoluta do PP no Estado, Núñez Feijóo renunciou á transferencia do noso primeiro eixo vertebrador, a AP-9 e mesmo non foi quen de evitar a suba das peaxes. Renunciou á conexión dos nosos portos co corredor atlántico de mercadorías, a esixir a transferencia dos portos e aeroportos todos e a obter compensación tarifaria polo 40 por cento de electricidade que exportamos sen nos beneficiar. Nas recentes reformas das normativas sanitaria e de promoción empresarial e na súa praxe de contratación pública sempre favorece as macrocorporacións construtoras e concesionais con sede en Madrid, en claro prexuízo das empresas galegas. A irrelevancia da Xunta en Madrid reflíctese na desinformación na que o Goberno central a tiña a respecto da supresión do laboratorio de moluscos da UE en maio último.
A ineficacia xestora e máis a falla de modelo de País e de ideas para o futuro é evidente na falla de políticas exteriores e de promoción económica: Galicia, con toda a súa potencialidade portuaria, enerxética, forestal ou alimentaria non existe no mundo como ecosistema favorábel para os investimentos. O Igape non cumpre a súa función de acompañamento financeiro ás medianas empresas e o Goberno galego non ten opinión nin accións a respecto do crecente oligopolio bancario. A vaga de lumes de outubro e máis a seca que sofrimos atoparon á nosa Administración paralisada e sen plans alternativos.
Nesta altura é evidente que o País precisa dun Goberno merecente dese nome. E comeza ser grave responsabilidade das forzas de oposición (nomeadamente En Marea e BNG que partillan espazo político) arrumbar o xogo miope de ser cabeza de rato para ofrecerlle á sociedade as solucións de entendemento plural e de apertura ás maiorías que precisamos para recuperarmos o pulo.

Conectarmos co corredor ferroviario europeo

A normativa da UE definiu uns corredores ferroviarios europeos de mercadorías como eixos fundamentais das Redes Transeuropeas de Transporte. O corredor máis próximo é o corredor atlántico, que conecta Porto-Leixões e Lisboa a través de Aveiro e segue cara Palencia, Burgos, Euskadi e Francia. Este mapa rexerá até 2027, cando menos.
O corredor europeo pasa moi lonxe do noso País, con grande perda de competitividade non só para as nosas mercadorías, senón para a nosa vocación portuaria. Os nosos portos son estratéxicos pola súa posición intermedia entre a Canle da Mancha e o mar do Norte europeos e a costa do leste de América coa nova Canle de Panamá de conexión co Pacífico. Precisamos conectalos ferroviariamente co porto seco de Monforte, grande depósito loxístico de onde habería sair a conexión cara Palencia.
Mais nisto, como no do traspaso da AP-9 ou na tarifa eléctrica, a Xunta ten abdicado da súa función de defensa dos intereses galegos, apreixada de dependentismo e tortícole de tanto ollar cara Madrid. E velaí que fose o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, quen petase na porta da Comisaría de Tranportes da UE para que lle confirmasen a total viabilidade e mesmo conveniencia estratéxica europea desta conexión. Mais a UE precisa que o Goberno do Estado priorice esta infraestrutura. E semella que non está na axenda estatal.
Galicia xógase nesta conexión co corredor europeo a viabilidade da nosa vocación portuaria e o aproveitamento das nosas vantaxes xeoestratéxicas. Cómpre reaxir porque é unha cuestión esencial de País.

Rajoy atravesa toda liña vermella

A represión desenvolvida polo Goberno do Estado para evitar o referéndum catalán foi impropia dun réxime de liberdades. Atravesou todas as liñas vermellas da proporcionalidade democrática e xerou noxo e incredulidade no mundo todo. Máis de 850 feridos en actuacións desproporcionadas, moitas veces mesmo mallando a eito en persoas indefensas. Alén dalgún caso illado no que pode haber responsabilidade individual dalgún funcionario, a responsabilidade desta represión perténcelle só aos responsábeis políticos do Goberno de Rajoy, que ordenaron un conxunto de intervencións propias do réxime turco ou mesmo do franquismo, xogando con milleiros de funcionarios sen abeiro legal, xa que ninguén lle quitou aos Mossos a competencia integral en seguranza cidadá e como policía xudicial.
Ou sexa que a represión foi inmoral, desaquelada, ilegal e antidemocrática. Mais foi, tamén, un grandísimo erro. Segundo o relato do Goberno do Estado (asumido por moitos que hoxe, en troques, arrepiaron diante da intervención gobernamental) o referéndum era ilegal, estaba prohibido polo Constitucional e non había garantías ningunhas no seu desenvolvemento. Se é así, que sentido tiña mallar na xente indefensa para evitar unha votación que non podía ter efecto xurídico ningún?
O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya ordenáralle aos Mossos (e só aos Mossos) impedir a apertura dos colexios antes das 6 a. m. do domingo. E o Maior da policía catalá, Josep Lluís Trapero, actuou coma un profesional, dispoñendo executar o mandato xudicial sempre que non se derivasen males maiores da intervención. A regra básica de calquera policía democrática.
O efecto na Europa foi abraiante. Os gobernos escandinavos, bálticos, escocés, vasco e mesmo o do Reino Unido amosaron xa o seu rexeitamento. A Generalitat anunciou accións contra España perante as institucións da UE, por vulneración dos valores fundacionais da Unión e agresión á súa propia cidadanía. Bruxelas non pode ficar impasíbel diante da vulneración dos dereitos fundamentais de milleiros de cidadáns europeos.
Mentres, as declaracións dos unionistas (Rajoy, Rivera e Pedro Sánchez) na noite do domingo amosaron que seguen sen se enteirar que o desafío democrático catalán non vai de partidos nin de líderes, senón que se basea nun movemento social pacífico, interclasista e transversal.

Macron e a Europa

Como xa prognosticamos hai quince días, gañou Macron moi amplamente. O escrutinio ao 77% dálle a Mme. Le Pen o 36,6% dos votos fronte ao 63,4% de Emmanuel Macron. Moi pouca colleita extremista para tanto balbordo, cando amplos sectores (fálase do 20%) da dereita dura de Fillon xogaron á extrema dereita e un irresponsábel sector da esquerda de Mélenchon amosou unha equidistancia merecente da reprobación do conxunto dos demócratas.
Vencido (polo de agora) o feixismo, cómpre ollar para o trunfo deste Presidente sen partido. Esquerda, centro e dereita democráticas aliñáronse a carón deste Presidente, o máis novo dende o corso Bonaparte. Mal menor? Moi probabelmente. Un candidato que medra do 24% ao 64% entre a primeira e a segunda volta suma por exclusión. É evidente.
Macron ten agora dúas prioridades. A primeira deseñar unha estratexia cara ás eleccións parlamentarias de xuño. Cal será a súa aposta? O esquerdista alternativo Mélenchon pode acadar a maioría na segunda volta en moitos distritos, mentres a dereita republicana é moi difícil que obteña un grupo potente. De calquera xeito, semella que Macron non ten tempo de cooptar candidatos parlamentarios gañadores.
Máis voltas ten a pegada que poida causa Macron na nova Europa. Descontado o tempo de impasse das lexislativas francesas de xuño e as eleccións xerais alemás de setembro, Macron ten a lexitimidade de lle dar pulo a unha anovada federalización da Europa, de construír un discurso da unidade europea que lle opór ao brexit, mais tamén ao depresivo relato dos primeiros ministros húngaro, polaco e español ou á ollada curta dos ministros de Finanzas holandeses, fineses ou alemáns. Os liberal-demócratas do flamengo Guy Verhofstadt ou do FDP alemán e o Partido Demócrata italiano, outravolta dirixido polo fiorentino Matteo Renzi, de seguro estarán ao seu carón nesta andaina.

A arrincadeira. Alberto Rivera e Macron
Poucas ocasións mellores para dar o espectáculo ca a autocomparanza entre os cidadáns Albert Rivera e Inés Arrimadas e o presidente eleito Emmanuel Macron. Nin C’s nin UPD encaixan no esquema liberal-demócrata europeo, onde fan parte o PNV e o PDCAT, a antiga Convèrgencia. Semella que en Bruxelas xa se decataron e porán aos laranxiñas no seu sitio, máis cedo ca tarde.

A peor crise da Unión Europea

Cumpríronse este sábado 60 anos da sinatura do Tratado fundacional da Comunidade Económica Europea, o precedente da actual UE. E, verdadeiramente, a Unión está a sofrir a peor das moitas crises polas que pasou ao longo deste tempo. Esta semana o Reino Unido pedirá formalmente a súa saída, mentres as eleccións francesas e xermanas paralisan calquera caste de decisión sobre o futuro da Unión.
Dende o Tratado da UE (1992) a unificación europea abandonou o pulo social e cooperativo dos pais fundadores, todos pertencentes ás tres ideoloxías da postguerra (socialdemócratas, democracia cristiá progresista e social liberais) que tentaron conciliar na Europa o mercado coa regulación das súas correccións en beneficio da mellor redistribución de rendas e igualdade de oportunidades. Dende Maastricht, pola contra, a Unión ratifica a súa aposta por unha gobernanza oligárquica e moi pouco democrática. Alicérzase a unión monetaria sobre un euro demasiado aprezado para as economías do sur e sobre un Banco Central Europeo como Autoridade Monetaria con plenos poderes alleos a calquera control parlamentario.
Mentres, os Estados membros usan da súa capacidade de bloqueo e frean calquera intento serio para avanzarmos na coordinación fiscal, na unión bancaria e no afortalamento de políticas comúns exterior e de defensa. Das Institucións comúns (Comisión e Parlamento Europeo) saen continuamente propostas de máis e mellor Europa no social, no I+D, na descentralización territorial e no uso eficiente dos Fondos europeos, no control bancario, no artellamento do Orzamento da Unión Europea como instrumento de cohesión social e territorial… Mais o bloqueo dos Estados membros atrasa, cando non anula ou desnaturaliza, estes esforzos, ademais de presentar diante de cadansúas opinións públicas os problemas da convivencia europea (políticas austericidas, crise dos refuxiados) como problemas xurdidos da propia Europa.
O que si funcionou nesta Unión foi a comunidade de Dereito, os seus Tribunais. Foron estes os que construíron un marco de protección para os consumidores non recoñecido até entón na lexislación hipotecaria e financeira española, sempre favorábel á Banca. Polo menos no concreto caso do Estado español, o Dereito europeo substituiu a parcialidade do Dereito español.
Esta crise europea vai obrigar a decidir arre ou xo. O que non medra morre.

Xestionarmos os aeroportos

Somos un pequeno país ao Oeste da Europa de potencialidades e vocacións exportadora e turística. Para Galicia un sistema aeroportuario coordinado e eficiente é chave para o seu desenvolvemento económico. Feijóo fracasou en acadar ese sistema porque o problema non é de facer Comités ou levarse ben cun Ministro, senón que é competencial e de xestión. AENA é o sistema de xestión aeroportuaria máis centralizado e burocratizado da Europa, onde son os Poderes rexionais e/ou locais e os consorcios público-privados os que xestionan os aeroportos, no canto das axencias dos Estados. É incríbel que até a xestión das cafetarías, aparcadoiros ou handling se contrate en Madrid. Cómpre distinguirmos entre competencias de navegación aérea (que han pertencer á Unión Europea) e a da xestión dos aeroportos, que Galicia precisa. Velaí como as grandes solucións aos grandes problemas ou reptos galegos veñen sempre da man do incremento do autogoberno. Mais neste caso, Galicia non habería repenicar o esquema centralizado de AENA na súa xestión futura, senón asociar aos concellos e aos axentes sociais á xestión autónoma de cada aeroporto. Coordinar os aeroportos significa especializar. Con menos de tres millóns de habitantes os aeroportos galegos non se poden facer a competencia os uns aos outros, xa que esa competencia inviabiliza determinadas conexións. Ao mellor poden coexistir London Stansted en Compostela e London Heathrow na Coruña, pero a conexión con Dublin, con Amsterdam, con Frankfurt ou con Roma ha ser única. Doutro xeito estaremos potenciando Madrid como facilitador intermedio, con grave dano aos nosos intereses, nomeadamente aos turísticos. Canto á coordinación de rotas, cómpre salientar algunhas evidencias. O aeroporto compostelán ha ser o aeroporto turístico e a grande porta cara Europa e América. A Coruña e Vigo han continuar a súa especialización como aeroportos de negocios, sensíbeis a cadansúas necesidades de Inditex e PSA-Citroën, motores económicos das áreas coruñesa e viguesa. O ramo é garantir unha mobilidade razoábel a respecto dos tres aeroportos. Para que os outros renuncien a determinadas conexións, o aeroporto operante ha estar ben conectado co conxunto do País. Hai que integrar os aeroportos co tren e co bus.

Europa non é o problema

Falábamos hai días nesta coluna da decepción da cidadanía a respecto do proceso de integración europea, tendo en conta o seu déficit democrático, a falla de profundización na unidade política, a falla de control cidadán do Banco Central Europeo e ter adoptado unha unión monetaria sen establecer, ao tempo, un amplo Orzamento federal e a coordinación das distintas políticas fiscais.
Porén, Europa non é o problema, como seica defenden moitas forzas de esquerda radical en Galicia e no resto do noso Continente. Cómpre transformar esta Unión para construír a Europa dos cidadáns e dos pobos, mais cómpre, tamén, recoñecer o avance exercido polo proceso de integración a respecto da Europa comesta polas guerras e máis o marco de estabilidade que ofrece. Non por acaso, se non chegamos a pertencer á Unión Europea, o Goberno do Estado podería estar a intervir militarmente en Catalunya.
Aínda hai máis. Moitas das decisións adoptadas no marco europeo e que teñen xerado efectos prexudiciais para Galicia son responsabilidade do Estado español. Foi Aznar quen consentiu na prohibición da construción naval civil nos estaleiros de Fene en troques de que lle permitisen reflotar unha Navantia eivada pola ineficiencia dos seus estaleiros gaditanos e cartaxeneiros. Foi Felipe González quen reestatalizou en grande medida as políticas de reequilibrio rexional ao propor que os Fondos de Cohesión fosen directamente investidos dende o Goberno estatal e foron este e Aznar os que investiron un billón das vellas pesetas destes Fondos na construción da nova T4 do aeroporto de Barajas. Foi o mesmo González o que desarmou a nosa industria e priorizou as producións mediterráneas a respecto da agrogandaría e da pesca galegas nos Tratados de Adhesión do 1985. Foron PSOE e PP os que impuxeron a circunscrición única electoral no seu propio beneficio. E foron os sucesivos Ministros de Agricultura e Medio Rural do PP e PSOE os que orientaron as subvencións agrarias a prol dos grandes latifundistas casteláns, andaluces e estremeños.
O problema, pois, é moito máis España ca Europa. E a solución máis Galicia, máis e mellor Europa e menos protagonismo e competencias para o Estado.

Europa como garantía do consumidor

A evolución da construción da Unión Europea nos últimos vinte anos foi substancialmente negativa. A primacía reitora dos Consellos Europeo e de Ministros (que representan aos Estados) fronte ao Parlamento Europeo ou á Comisión, que representan o interese común europeo determinou as políticas de austericidio no canto de enfrontar as políticas de crecemento que requiría a Depresión. Velaí o bloqueo do Plan Juncker, que planeou unha enxurrada de investimentos para dinamizar a economía europea e o emprego.
Mais o que tampouco pode negar ninguén é que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) ten desenvolvido unha xurisprudencia que garantiu que Europa sexa unha comunidade de Dereito. Fronte ás sentenzas políticas ás que nos teñen afeitos os Tribunais Supremo e Constitucional españois o Tribunal europeo fía fino con sentenzas xurídicas que lle dan abeiro ao consumidor. Foi o Tribunal europeo o que lle deu unha reviravolta ao procedemento de execución hipotecaria español, permitindo oposicións por argumentos de fondo tradicionalmente vetadas no Dereito procesual español e impoñendo a todos os xuíces estatais o estudo de oficio de calquera cláusula abusiva nas execucións xudiciais. Foi tamén o Tribunal europeo o que declarou abusivos os avais solidarios prestados por persoas físicas que non fosen socios ou administradores das entidades avaladas (mais si, seguramente, os cónxuxes ou ascendentes daqueles).
Os efectos da sentenza do TXUE do 21 de nadal sobardan con moito a anulación da doutrina de patacón do Tribunal Supremo español que limitaba os efectos da nulidade das cláusulas de chan ao 9 de maio de 2013. O que agora dí o Alto Tribunal da UE é que calquera cláusula contractual abusiva ou calquera actuación administrativa ou empresarial que vulnere os dereitos do consumidor han ser eliminadas do mundo xurídico dende o minuto cero, de xeito que ao consumidor se lle restableza na situación da que gozaría se esas cláusulas ou actuacións non tivesen existido.
A aplicación do Dereito nos Altos Tribunais españois está inzada de parcialidades e partidismos. No TXUE rexen os criterios xurídicos e a protección dos dereitos dos consumidores. Europa, desta volta, é unha garantía.

A rebelión contra as elites

A decisión plebiscitaria británica de botarse fóra da Unión Europea (“brexit”) veu motivada, en grande parte, por unha propaganda mentireira que prometía un substancial incremento do investimento sanitario se os británicos deixaban de contribuír á Unión. Mais a decisión amosou outras facianas. Na ampla maioría a prol do brexit de tantos condados ingleses e galeses non só hai desinformación e medo. Hai un voto de rebeldía fronte a esa minoría que fixa a axenda. Hai un voto contra esa Europa á que adhiren as elites da City, mais tamén os universitarios.
O voto polo brexit foi nomeadamente alto nas cidades e áreas onde existe menos mobilidade social e onde a industria sufriu as peores labazadas das crises. Velaí que nese medo ao inmigrante converxan dereitas e esquerdas. Sectores tradicionalmente tories con antigos votantes do Labour Party. Uns priorizan a soberanía británica e outros porlle chatas á libre circulación de traballadores, porque senten que son eles, os traballadores industriais e parados de longa duración, os que máis perderon coa apertura aos traballadores europeos. O exemplo do fontaneiro polaco (polish plumber), que traballa máis por menos, é paradigmático.
O que está a pasar nos USA, cun exótico e radical Donald Trump en empate técnico coa Hillary Clinton, é algo bastante semellante. Non só apoian ao de New York os brancos conservadores. Tamén unha inmensa maioría dos traballadores industriais, os blue collar, tradicional celeiro dos demócratas. Estes blue collar converten o voto a Trump, canda o voto a prol do brexit, en transversal a esquerdas e dereitas, a traballadores e clases medias.
Falta un discurso nas opcións de centro-esquerda a respecto destes sectores sociais que haberían votarlles. Porque a apertura á inmigración é unha esixencia ética e humanitaria, unha aposta polo futuro e unha decisión economicamente intelixente. Mais non son as elites, nin sequera determinados sectores de formación universitaria, os que teñen que disputar postos de traballo cada vez menos remunerados cos inmigrantes.
Velaí que a desconfianza a respecto das elites vaia medrar nos próximos anos en amplos sectores das clases medias e traballadoras. Como tamén medrarán electoralmente as solucións simplistas e os discursos autoritarios.